As Torres de Hermida
As Pegadas de Rosalía no concello de Dodro atopámolas en Lestrobe, nas Torres de Hermida, tamén coñecido como Pazo de Hermida. Esta construción, declarada como Ben de Interese Cultural, ten a súa orixe no S.XII, nunhas antigas torres defensivas da Ría de Arousa. Aparecen citadas nun gran número de documentos medievais, como é o caso da lírica profana galego-portuguesa ou as Cantigas de Santa María. Máis tarde foron reconstruídas para se converteren nunha residencia. No século XIX, o seu propietario, Gregorio Antonio de Hermida casaba con María Josefa de Castro, filla dos señores de Arretén e tía de Rosalía de Castro. Este feito fixo que a vida e escrita da poeta ficase vencellada a este lugar, onde pasou longas tempadas en compaña da súa familia e do seu curmán, “Don José de la Hermida y Pazos de Borbén”, propietario do pazo, coñecido como “Don Pepito”, republicano e librepensador, practicante do nudismo, do que Castelao chegou a dicir “Non dou a terra, endexamais, un home semellante”. Rosalía refuxiouse aquí cando morreu súa nai, no verán de 1862, e máis tarde naceron neste lugar os seus fillos xemelgos, Ovidio e Gala. Neste pazo estableceu a súa residencia permanente entre 1879 e 1881.
Nas Torres da Hermida, Rosalía escribiu Padrón y las inundaciones en 1881 e compuxo parte de Follas Novas, El primer loco, Costumbre Gallegas, El domingo de Ramos e Cartas a Murguía. A pegada de Lestrobe e de Dodro é visible en moitos dos seus poemas, como en “Como chove miudiño” ou en “Ubi sunt”, nos que fican lembranzas deses lugares queridos:
“Como chove miudiño/como miudiño chove/pola banda de Laíño/pola banda de Lestrove” e
“Donde están?/¿que deles foi?/!Padrón!…/!Padrón!…/Santa María…/Lestrove…/!Adios!/!Adios!”.
As Torres de Hermida teñen un espazo privilexiado non só na literatura de Rosalía de Castro senón tamén na historia de Galicia, xa que o 26 de marzo de 1930 celebrouse nelas o coñecido Pacto de Lestrobe, no que o dono do pazo, logo de ser vendido por “Pepito Hermida”, D. José Vázquez Batalla, exerceu de anfitrión dunha reunión clandestina das diferentes forzas republicanas. Nesta creouse a Federación Republicana Galega, que tiña como obxectivo instaurar o réxime republicano e conseguir o estatuto de Autonomía para Galicia. No interior da construción aínda se conservan a mesa onde se asinou o documento e un pergameo conmemorativo dese acto.
O concello de Dodro é especialmente significativo para a Ruta Rosaliana, non só pola marca que as Torres de Hermida deixaron na vida e escrita de Rosalía, senón porque estas terras tamén viron nacer dous persoeiros fundamentais para o estudo da obra da poeta: Avelino Abuín de Tembra (Imo, 1931-Santiago de Compostela, 2009) e Anxo Angueira Viturro (Manselle, 1961). O primeiro, ideólogo e impulsor da Ruta Rosaliana, un itinerario literario que dá a coñecer os lugares senlleiros da vida da escritora; e o segundo, escritor e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Se desexamos descubrir máis polo miúdo a historia de Dodro e o seu fermoso patrimonio recomendámoslles ás persoas que nos visiten unha parada nas Brañas de Laíño, un dos espazos húmidos máis extensos, descoñecidos e de maior valor ambiental de Galicia, incluído na Rede Galega de Espazos Protexidos e onde aniña unha subespecie da escribenta das canaveiras, unha ave protexida legalmente e catalogada en perigo de extinción.
Tamén constitúe unha parada obrigada o amplo patrimonio arqueolóxico que alberga o municipio. Compóñeno cinco castros, varias mámoas e múltiples petróglifos, que datan principalmente da Idade de Bronce e entre os que destacamos a estación rupestre de Bouzabadín, un conxunto de gravados en doce penedos nos que se observan círculos concéntricos, coviñas, escenas cruciformes, ecuestres, antropomórficas e zoomórficas.
Se atendemos ao patrimonio etnográfico, son numerosos os muíños, cruceiros, reloxos, pombais e lavadoiros que salpican a nosa xeografía, pero Dodro é sobre todo terra de hórreos. Temos inventariadas unhas 220 construcións destas características, destacando pola beleza da súa agrupación os hórreos da Lavandeira (Imo).
Desde o punto de vista intelectual, estas terras fértiles deron a luz numerosos persoeiros destacados no mundo das artes, da política e doutras disciplinas, para coñecer algo máis dalgún deles, recomendamos dúas rutas literarias: “Pensa Nao” e “Os día olvidados”. A primeira é un itinerario que visita os espazos literarios da obra do escritor de Manselle, Anxo Angueira, e que nos devolve a 1935, a piques de estalar a Guerra Civil, a unha pequena aldea de Dodro (Sernanselle) onde emigrantes retornados crean unha moderna cooperativa de leite no medio das convulsións políticas e sociais. A segunda ruta, “Os días olvidados do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1986)”, percorre os lugares en que viviu o autor de Os días olvidados, O corpo e as sombras, Libro das viaxes e dos soños e A morte presentida, que no 2017 foi proposto para ser o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2018.
As Pegadas de Rosalía en 360º!
Descobre os lugares de interese na vida de Rosalía de Castro a través da aplicación 360º