Igrexa de San Xoán de Ortoño
A Ruta Rosaliana ao seu paso por Ames parte da casa na que naceu o pai de Rosalía de Castro, José Martínez Viojo, sacerdote da Colexiata de Iria, e na que se cre que ela mesma puido pasar parte da súa nenez, tras o seu nacemento en Compostela o 24 de febreiro de 1837.
A casa, situada na contorna do Castro de Ortoño, elemento do que toma o seu nome este lugar, aínda conserva moito daquela época e destaca entre as da súa contorna polo seu gran volume, o hórreo e o pombal. Despois de cambiar de mans ao longo dos anos, na actualidade continúa sendo unha vivenda privada.
Dende este lugar pódense escoitar as campás da igrexa de Bastavales, famosas en toda a zona e fonte de inspiración para unha das composicións máis coñecidas de Rosalía.
En memoria da importancia deste sitio na vida da nosa insigne escritora, o 12 de outubro de 1923, unha comitiva de mozos universitarios, entre os que se atopaban Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey e Lois Tobío, viñeron andando desde Santiago para iniciar simbolicamente a que sería unha das aventuras intelectuais máis sinaladas e brillantes da nosa historia. Tal como reza a placa conmemorativa colocada no muro desta casa “Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos“.
Aínda no termo municipal de Ames propoñemos outros lugares que descubrir: o conxunto parroquial de San Xoán de Ortoño, lugar sobre o que se poden ver varias fotografías na galería deste punto; e a ruta “Polas Ribeiras do Sar” que une os municipios de Ames e de Brión seguindo o curso deste río, e do que xa se mencionou a súa relevancia na vida e obra de Rosalía. Máis información sobre esta ruta no seguinte punto deste itinerario “As Pegadas de Rosalía”.
As Pegadas de Rosalía en 360º!
Descobre os lugares de interese na vida de Rosalía de Castro a través da aplicación 360º