Pegadas da vida de Rosalía en Compostela

O itinerario da Ruta Rosaliana proposto por Avelino Abuín de Tembra ten como punto de inicio  e de fin Santiago de Compostela, desde a Praza de Vigo ata o Panteón de Galicia en San Domingos de Bonaval.

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo (hoxe Avenida de Rosalía de Castro) desaparecida na actualidade. Por detrás desa casa estendíanse os campos de San Xosé, de Ramírez e de Cornes. Hoxe nesta Praza de Vigo pódese ver un monumento a Rosalía que o Concello de Santiago lle dedicou en 1982.

O itinerario proposto é partir desta Praza de Vigo en dúas direccións: ir cara a Conxo, pasando por lugares tan relevantes na vida de Rosalía como Cornes; ou ir cara a seguinte parada do Panteón de Galicia en San Domingos de Bonaval; pasando pola Alameda (e ver a estatua de Rosalía) e outros puntos do casco histórico de Compostela nos que viviu Rosalía.

Cornes e Conxo, co seu Convento e coa súa Carballeira foron puntos moi destacados de Compostela na vida de Rosalía de Castro. Cornes foi o lugar onde se criou e tamén o título que lle deu a un dos poemas de Follas Novas; este pertenceu ao antigo concello de Conxo ata integrarse en 1925 no municipio de Santiago. Conxo foi onde naceu, así como o escenario da súa novela El primer loco.

Na outra parte do itinerario proponse  a quen efectúe a ruta ir da Praza de Vigo cara ao Panteón de Galicia, pasando pola Alameda onde se atopa unha escultura de granito de 1917 de Isidro de Benito e Francisco Crivillés. Ademais da figura da escritora, o monumento inclúe personaxes populares, alma das súas obras, e títulos das súas publicacións máis coñecidas (ver fotografía 3).

Antes de chegar ao punto final de Bonaval pódese visitar a Praza de Mazarelos, onde se pode ver unha casa na que viviu Rosalía de Castro e onde rematou a súa obra Cantares Gallegos.

Outros lugares vinculados á autora, situados neste casco histórico de Compostela e que se poden visitar cun paseo, son os seguintes: Rúa dos Bautizados nº 6: residiu coa súa nai entre 1851 e 1855; Rúa da Conga nº 1, onde naceu a súa primeira filla, Alejandra, en 1859. A biografía oficial tamén recolle que entre 1878 e 1879 viviu primeiro na Rúa de Altamira nº 2 e despois na Rúa do Hórreo nº 9.

Para completar o percorrido e antes de rematar en Bonaval pódese visitar a Praza do Obradoiro coa Catedral e o Hostal dos Reis Católicos. Tanto Hostal coma a súa capela interior están declarados Bens de Interese Cultural (BIC).

Na capela do Hostal dos Reis Católicos foi bautizada Rosalía de Castro pola súa madriña María Francisca Martínez, criada da nai (o 24 de febreiro do 1837). Rosalía escribe sobre este edificio e as vistas ao Pedroso na súa obra En las Orillas del Sar. Á Catedral de Santiago dedícalle varios poemas na súa obra Follas Novas.

Como actividade complementaria nesta xornada proponse percorrer a senda das Brañas do Sar, comezando na Colexiata de Sar  e rematando no Bosque do Banquete de Conxo. Construída no século XII na beira do río Sar, a Colexiata é xunto coa a Catedral a igrexa que conserva a maior parte da súa primitiva fábrica románica. Tamén é un BIC. Seguindo o río polo paseo, enmarcado polo oriente polo monte Gaiás e Santas Mariñas, cruzamos as Brañas do Sar, e continuamos, ben pasado o parque Eugenio Granell ata o Bosque do Banquete de Conxo.

NOTA. Información publicada por CHARLÍN F., DOMINGUEZ S. e ESPIÑO M. (2015): “Roteiro Rosalía de Castro e Ramón María del Valle-Inclán en Santiago de Compostela”; e completada polo Concello de Santiago a través de Turismo de Santiago.

Estatua de Rosalía - Alameda
Monumento a Rosalía - Praza de Vigo
Hostal dos Reis Católicos
Carballeira de Conxo
Praza de Mazarelos
Catedral
Praca na casa que residiu Rosalía

As Pegadas de Rosalía en 360º

Descobre os lugares de interese na vida de Rosalía de Castro a través da aplicación 360º

Pin It on Pinterest

Share This