Ruta polas Ribeiras do Sar
Como actividade complementaria nesta xornada, proponse percorrer esta senda de pouco máis dunha hora de duración e de dificultade baixa. A ruta segue o trazado do río Sar unindo os territorios de Ames e de Brión. Este río é o río da vida de Rosalía de Castro, así como o seu río literario ao que fai mención en varios poemas.
A senda atravesa un espazo natural que forma parte da Rede Europea Natura 2000. Integra a quen a visita nun rico patrimonio etnográfico e cultural como son os muíños que se poden ver nas fotografías deste punto.
Conta a lenda que os camiñantes poden atopar a Dama do Sar, unha serea que desde os pozos máis fondos do tramo baixo do Sar ocasiona enchentes e asolagamentos tupindo o río coas súas longas e negras guedellas.
A ruta remata en Viladoíso (Brión) para dar paso ao seguinte punto da ruta, a Igrexa de San Xulián de Bastavales, situada a uns 5 minutos en coche.
As Pegadas de Rosalía en 360º!
Descobre os lugares de interese na vida de Rosalía de Castro a través da aplicación 360º