Do venres 22 até o domingo 24 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. Dende hoxe están sendo distribuídas nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos, previamente escollidos polo poeta amesán Carlos Negro. A esta iniciativa, que acada este ano a súa terceira edición, sumáronse tamén os Concellos de Brión, Padrón e Santiago.
Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.
Un ano máis, coincidindo co aniversario de Rosalía de Castro, o vindeiro domingo 24 de febreiro, o Concello de Ames a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, quere renderlle homenaxe a unha das nosas escritoras máis universais e representativas, moi vinculada ademais ao noso concello dado que pasou parte da súa infancia, na Tarroeira, parroquia de Ortoño.
Preténdese que a obra de Rosalía estea cada día máis presente, tamén como un novo atractivo do noso Concello para o que se vén colaborando cos Concellos de Brión, Padrón e Santiago na creación, difusión e promoción da ruta denominada As Pegadas de Rosalía, que percorre os lugares máis emblemáticos relacionados coa vida e obra da nosa escritora máis universal.
Outro dos obxectivos que se pretenden acadar coas diferentes iniciativas postas en marcha é achegar á cidadanía a súa poesía, o seu pensamento e a súa mensaxe de rebeldía. Unha boa forma de facelo, e dunha maneira lúdica, é aproveitando os momentos de ocio para o cal se considera que os locais hostaleiros son un bo soporte.
Deste xeito, o programa de actividades que se vai celebrar con motivo do Día de Rosalía inclúe, por terceiro ano consecutivo, a iniciativa Café con verso, que xurdiu no ano 2017 froito da colaboración entre as Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica e Turismo e mailo poeta amesán Carlos Negro. Este ano, ademais, sumáronse tamén os Concellos de Brión, Padrón e Santiago, que traballan xunto con Ames na difusión e promoción da figura rosaliana. Así, entre o 22 e o 24 de febreiro os cafés que se sirvan nos locais hostaleiros deste concello acompañaranse dunhas tarxetas con versos escolmados por Carlos Negro.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, expresa a súa satisfacción “polo feito de que os concellos de Brión, Padrón e Santiago se sumen a esta iniciativa de maneira que cada vez sexan máis e mellores as actuacións conxuntas levadas a cabo para difundir ou dar a coñecer a vida e obra da nosa poeta máis universal”.