Os Concellos de Ames, Brión e Padrón organizan para o vindeiro sábado, 11 de maio, unha saída pola Ruta Rosaliana na que se visitarán os lugares máis emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. Trátase dunha nova iniciativa, posta en marcha desde a Concellaría de Turismo o ano pasado, á que se lle continuidade este ano. A actividade incluirá a visita a lugares como o Panteón de Galegos Ilustres, a parroquia de San Xoán de Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro.

 

experiencia-ruta-rosalianaEsta saída está encadrada dentro do proxecto “As Pegadas de Rosalía”, posto en marcha no ano 2017 polos Concellos de Ames, Brión e Padrón, e ao que se sumou posteriormente o Concello de Santiago de Compostela. A actividade, que se desenvolverá o sábado, 11 de maio, entre as 09:15 horas  e as  19:00 horas, consistirá nunha visita guiada aos  lugares máis emblemáticos do legado rosaliano. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha o ano pasado á que se lle dá continuidade este ano.

Deste xeito, os/as participantes nesta actividade terán a oportunidade de visitar aqueles lugares da nosa contorna, que marcaron a obra e a vida desta autora. A ruta, que ten un deseño circular, comezará no Concello de Santiago, onde se realizarán visitas ao Panteón de Galegos Ilustres, lugar que acolle os restos de Rosalía, a Igrexa de Bonaval, así como á praza de Vigo, onde a autora residiu durante algún un tempo.

A seguinte das paradas terá lugar no Concello de Ames, na parroquia de San Xoán de Ortoño, onde Rosalía pasou a súa primeira infancia e tomou conciencia das dificultades da vida no rural galego. Ademais da visita á casa natal do pai da poetisa, haberá unha actividade sorpresa. A seguinte das visitas recalará na Igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizaron un dos versos máis afamados da autora. A Igrexa atópase no Concello de Brión.

Concerto na Colexiata de Iria Flavia

Ao mediodía, producirase unha parada en Padrón, para que as persoas participantes teñan tempo para comer e descansar un pouco. A comida non está incluída. Ao longo da tarde, a actividade proseguirá coas visitas aos lugares rosalianos de Padrón e á Casa Museo de Rosalía de Castro. Por último, a xornada finalizará cun concerto na Colexiata de Iria Flavia. A  hora de regreso está prevista arredor das 19:00 horas.

A actividade inclúe o servizo de autobús, a entrada aos diferentes espazos que se visitarán, unha serie de explicacións teatralizadas que achegarán á autora ás persoas participantes e un seguro de viaxe. Desta forma, as  saídas produciranse ás 09:15h desde a Casa da Cultura do Milladoiro e ás 09:30h desde diante das dependencias da Policía Local, en Bertamiráns (rúa Alcalde Lorenzo).

Para participar, será preciso inscribirse a través do número de teléfono 981 883 002, marcando a extensión 2115, ou mediante o enderezo de correo electrónico turismo@concellodeames.gal. O prazo de inscrición pechará o vindeiro 30 de abril. As prazas serán adxudicadas por orde de data das solicitudes, tendo preferencia aquelas persoas censadas no Concello de Ames. A actividade é de balde.

 

 

 

 

Pin It on Pinterest

Share This