Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago acaban de poñer en funcionamento a páxina web da ruta cultural “As pegadas de Rosalía”. Mediante esta acción búscase que os usuarios poidan acceder de forma directa e fácil a información detallada sobre a ruta rosaliana, así como dar a coñecer as últimas novas e iniciativas organizadas arredor da propia ruta.
A web www.rutarosaliana.gal, que xa está dispoñible en galego, español e inglés, tamén acolle a versión actualizada da aplicación Contorna 360, que permite realizar un percorrido interactivo e panorámico polos distintos lugares que artellan o roteiro.
O itinerario “As pegadas de Rosalía” da un paso máis para achegar a vida de Rosalía a toda a poboación coa posta en marcha da páxina www.rutarosaliana.gal. O obxectivo desta nova plataforma é facilitarlle aos usuarios e usuarias o acceso a toda a información referente á ruta rosaliana, ao tempo que fai un percorrido polos principais puntos da ruta con información detallada de cada un deles e imaxes para ilustrar o itinerario.
Cunha interface clara e intuitiva, a páxina web dalle a benvida ao visitante a través dun inicio composto por unha sucesión de imaxes extraídas das visitas teatralizadas organizadas seguindo a ruta, acompañadas por distintas frases que Rosalía de Castro adicou a algúns dos lugares que se visitan. Asemade, a pestana Ruta Rosaliana ofrece unha breve explicación sobre a vida da poeta e o que supuxo a súa figura na cultura galega, así como unha introdución á ruta seguindo as palabras do intelectual Avelino Abuín de Tembra.
A través da páxina tamén se ofrece unha ligazón para acceder ao programa Contorna 360, un percorrido web interactivo polos distintos lugares que vertebran a ruta. Cada un destes emprazamentos conta cunha visión panorámica do lugar, así como a localización de cada punto na ruta, fotos e información sobre o papel que ese lugar desempeñou na vida de Rosalía. Por outra banda, ao premer nas pestanas No teu peto e Recursos, as persoas que accedan á paxina poden descargar material de interese como mapas, folletos informativos e logos do roteiro.
En Novas ofrecese a última información referente “As pegadas de Rosalía”, así como as iniciativas que xorden ao abeiro do proxecto, e mesmo galerías de imaxes con fotografías das distintas visitas teatralizadas que se realizan seguindo a ruta. Por último, a web tamén ofrece a posibilidade de poñerse en contacto coa organización desta iniciativa mediante un cuestionario de contacto, habilitado para facilitar a posibilidade de consultar posibles dúbidas ou transmitir calquera tipo de cuestión referente á ruta rosaliana.